Anxo Quintana Anxo Quintana
• quen son
• o meu diario
• a miña axenda
• le isto
• multimedia
• contacta comigo
  Aquí está o BNG!       Concellos pensados para ti

Entre medias de Nadal

26 de Decembro

Antes e despois do Nadal. A víspera e o post-festivo. Entre medias e sen respiro apenas para o atracón de turrón, acudín a Madrid a rubricar a concesión a Galiza do díxito telefónico 065 para a imediata posta en marcha do servizo galego de transporte adaptado para as persoas dependentes. Eso foi o venres 21 de decembro. E hoxe, 26 de decembro, a Ministra de Administracións Públicas, Elensa Salgado, e un servidor, ratificamos o traspaso de nove novas competencias a Galiza. Vímonos na Comisión Bilateral Xunta-Estado para materializar todo ese paquete competencial que vos explicaba o outro día.
Parece un bocadillo, non si? O do 065 era algo que me quitaba o sono. Somos pioneiros en pór en funcionamento un servizo deste estilo, non existe en ningunha outra Comunidade autónoma. Este díxito telefónico ocupa un lugar preferente no Sistema Galego de Benestar, tecido por unha ampla rede pública de centros, servizos e programas. Neste mesmo mes, sen agardar a nada máis, comezará a funcionar o 065 cos primeiros vehículos. Logo, xa ao longo do 2008 e 2009 chegará ao 100% cun total de 300 coches.

A xornada de hoxe foi igualmente produtiva. Fíxose realidade a transferencia das nove competencias das que vos falaba na anterior ocasión. Si, todo o relatorio da titularidade para Galiza dos arquivos, bibliotecas e museos estatais. A xestión das bolsas e axudas ao estudo; a expedición de títulos académicos non universitarios, ?.Vexo que xa vos refresquéi a memoria e non vou esgotar as poucas enerxías que vos quedarán destes días de festas porque aínda tedes camiño festeiro que percorrer, sobre todo para fin de ano que é cando máis forzas se gastan.

Non vou negar que estou feliz, está a ser un Nadal prolífico en agasallos. Onte case non me dá nen tempo a tomarme o mazapán e os seus derivados tranquiliño. Gosto das larpeiradas, non vou decir que non, pero contra o serán tiven que desprazarme ao aeroporto a coller o avión rumbo á capital do Estado. Si, xa séi, era o día de Nadal, máis hoxe á primeira hora da mañá tocaba diana para nos ver no Ministerio de Administracións Públicas e non son nada amigo de chegar aos sitios afogado. Ademáis, para ter que saír de madrugada pois xa marcho de noite. Estou novo, pletórico porque é un peche de ano con filigranas de ouro.
Por se algúns aínda non se enteiraron, isto chámanse resultados. O que practican outros se denomina palabrería e propaganda, a nada absoluta para Galiza.





12 de Decembro na Moncloa

Como vístedes nos medios de comunicación, estiven onte en Madrid nunha interesante e produtiva reunión co Presidente do Goberno español. O tema estrela era a liberación do proceso de traspaso competencial, últimamente confinado no botón de pause. Así que activamos o play.
Cumpríu o Goberno e cumprimos nós o acordado aquel 27 de novembro no Pleno do Congreso. Gañou Galiza que era o noso propósito fundamental.

A miña viaxe á Moncloa de onte comezou a primeira hora da mañá cando arrancamos en coche desde Allariz. Non hai nada máis cómodo, sen esperas de aeroporto, sen retrasos que te exasperan, nen continuos trasbordos coche-avión. En apenas catro horas estabamos en Madrid. A cita era ás 12.30 e nós chegamos con puntualidade británica.
Zapatero recibiunos ao pé do coche, nas famosas escalinatas, falando con todos e amosando un trato moi agarimoso. Iso si, non esquece nunca a mención a Paco Rodríguez ao que lle tén auténtico cariño.

Pasamos á sala e cando nos damos conta, resulta que case levabamos dúas horas de conversas. Unha xunta cargada de traballo, unha axenda apretada e un resultado máis que satisfactorio. Desatrancamos o proceso de transferencias que estaba parado, acordamos o traspaso a Galiza de 9 competencias e puxemos data para o pagamento dos máis de 51 millóns en materia de servizos sociais. O Convenio para saldar a débeda histórica que o Estado ten contraido co noso pais en cuestión social, asinarémolo o 8 de xaneiro. Así que traballamos en tempo real, todo para xa.
Sen ánimo de que pensedes en certa presunción, confeso que sentín unha inmensa satisfación ao remate da entrevista. É aquelo de pechar a xornada coas cousas ben feitas, todo amarradiño e listo para a súa aplicación.

Non me vou pór a explicar de cabo a rabo os termos de todo o acordado, pero tedes que permitirme que enumere as 9 competencias logradas para responsabilidade da Xunta. Vou ser breve, nun minuto remato e así sabedes de primeira mán en que consiste a cousa. Prometo que só vou citar os titulares como din os xornalistas: Traspaso da titularidade dos arquivos, bibliotecas de museus estatais que son unha boa tira. O traspaso das competencias para a xestión das bolsas e axudas ao estudo. A expedición de títulos académicos non universitarios, a declaración de utilidade pública de asociacións, a transferencia da titularidade do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, a titularidade do Hospital Básico da Defensa de Ferrol, a titularidade de determinados bens de Seguridade Social e o saldo da débeda de superficie que a Administración do Estado mantén sobre Galiza.

Que? Non está nada mal, verdade?
Por certo, case o esquezo e mira que foi unha teima. Hai máis, acordo para que a Secretaría de Telecomunicacións autorice á Xunta o uso do número telefónico 065 para uso do Servizo Galego de Apoio á Movilidade Persoal. Si, seguro que sabedes de que falo, da rede de transporte adaptado que estamos a pór en marcha.

Pode que a algúns lles resulte insuficiente pero a realidade é teimuda, é o paquete de competencias máis importante que o noso territorio vai receber.





BNG decide sempre para Galiza

Creo que todos aqueles que sempre me expresades o desexo de que exista unha forza galega nacionalista determinante, decisiva, con poder de arrancar compromisos en beneficio de Galiza, estades hoxe de noraboa. A pasada noite logramos levar para casa unha carteira con cousas tanxíbeis ao servizo dos intereses de Galiza.
Foi un día, mellor dito unha tarde emocionante. Sabedes que o Congreso dos Deputados debatía en Pleno unha moción de IU-IC que, entre outros moitos requerimentos, pedia o cese da Ministra de Fomento pola crise dos transportes ferroviarios en Cataluña.
Á hora de contar os votos as contas non saían. Resultaba que a sesión plenaria podía aprobar a mencionada moción e menudo papelón para o Goberno.

Nós tiñamos claro que nos iamos decantar pola abstención, era o que nos parecía máis razoábel dada a situación e o clima pre-electoral existente. Porén, necesitábannos, eramos decisivos para o Executivo. Dous parlamentares nacionalistas galegos fundamentais, imprescindíbeis para evitar un desenlace plenario de ferida de gravedade para o Executivo de Zapatero. E dous deputados do BNG mandando á casa, desde Madrid, un sobre co compromiso gubernamental de desbloquear a negociación das transferencias pendentes a Galiza através dunha Comisión Mixta. Con prazos, si señor, nun periodo non máis alá de tres meses.
Por certo, notéi a un Zapatero insistente en retomar as relacións e a fluidez na comunicación con nós. Percibín a un Presidente do Goberno español con moito interese en recuperar o diálogo. Verémonos próximamente, antes do 15 de decembro, tamén vai no sobre conseguido onte polo agudo, tenaz e negociador Paco Rodríguez, cunha man esquerda que non se pode negar. Tivemos unha compenetración desas que sobran as palabras e saen as cousas. Os feitos aí están, desatrancamos o rueiro do diálogo competencial.

Sempre tiven plena consciencia da importanza de estarmos nas Cortes do Estado, pero onte sentín verdadeiramente o tan comentando feito de sermos decisivos en Madrid. Estábao vivindo en directo, momento a momento nas miñas conversas con Paco. Teñen que contar con nós, non teñen máis remedio, e nós sempre ollando na mesma direción, o carteliño que indica cara Galiza.
Séi que é un subidón de adrenalina para os nosos militantes. Observéi hoxe a inxeción moral que para a nosa militancia supuxo este logro. Cumprimos co que tantos de vós nos reclamades sempre, igual que fan os cataláns e os vascos sempre na boca de todo o mundo. Xa vedes nós tamén podemos estar na boca de todo o mundo.
Se facedes un pequeno percorrido polo publicado hoxe nos medios de comunicación, sacades unha conclusión aplastante, desas que retumban, a fortaleza do BNG e a capacidade de facer medrar a Galiza, pasiño a pasiño.





Transferencias

Luns, 22 de outubro

Non vou parar até lograr a transferencia á Xunta das competencias en materia de tráfico, salvamento marítimo e inspección de traballo. Chamádeme ?turras? se queredes pero non vou dar volta e facer como se non pasara nada. Non é o meu estilo. Estou empeñado neste labor que coido é de xustiza. Estou convencido de que arranxaremos moitos problemas se temos nas nosas máns as responsabilidades aludidas. Non quer dicer que todo se resolva por arte de maxia pero si que poderemos mirar os problemas desde dentro, e ninguén porá en dúbida que cando ves algo perto sempre o percibes mellor. Esto do traspaso das competencias non é algo que me entrou na cabeza unha noite en branco, é unha necesidade que está á vista de todo o mundo.

Na Moncloa metéronlle un inexplicábel ferrollo á porta das transferencias pendentes a Galiza. Boas palabras pero en definitiva nadiña. Chegamos a uns compromisos co anterior Ministro de Administracións Públicas, o valenciano Jordi Sevilla, hai xa meses. Pero existe un stop no cruce que non dan quitado. Aí estamos parados no camiño do avance cara un autogoberno máis maduro. Por eso lle mandéi a carta ao Presidente do Goberno español, tomeille a palabra, dixo no Senado ao noso senador Francisco Jorquera que tiña ?vontade de diálogo?, pois imos comprobalo. Dialoguemos pois.
Hai convicións de raíz ás que non imos renunciar porque as temos moi inseridas no peito.
O ano vindeiro, disque para o 9 de marzo, celebraránse Eleicións Xerais. Se as urnas voltan a dictaminar unha situación sen maioría absoluta, e o BNG é determinante nas Cortes, poremos condicións enriba da mesa para apoiar a investidura. Chámademe obseso desta vez, pero si, acertades: respaldo a cambio do traspaso da responsabilidade de tráfico. Os regalos son só para os aniversarios ou para o Nadal.

Temos que facernos maiores e poder deseñar as nosas propias políticas nestas materias, nen mellores nen piores, políticas con coñecemento de causa, iniciativas e remedios desde a terra e para a terra na que habitamos.
A próxima cita eleitoral non é calquera cousa. Temos que consolidar a nosa presenza no Estado e converternos en determinantes. Moitos pensan que como se trata de deputados e deputadas que van para o Parlamento español, a traballar a Madrid, pois non hai moito que rascar. Craso erro. Ter peso en Madrid é imprescindíbel para poder sacar adiante temas de vital importanza. Remito de novo ás competencias antes mencionadas, entre outras moitas.





Retorno á vida virtual

Mércores, 5 setembro

Retorno ao blog. Algún debía pensar que xa me esquecera de facer incursións neste caderno dixital pero non foi así. Digamos que houbo unha paréntese. En xullo traballéi arreo e celebramos por todo o alto o 25 como todos os anos. Para min o Día da Patria soe marcar o inicio duns días de descanso. Non fixen nada en particular porque considero como auténticas ferias o simple feito de ter todo o tempo do mundo para facer as cousas normais da vida cotián, sen mais extravagancias. Horas por diante sen presas, sen coche para arriba e para abaixo, desfrutando da tranquilidade, da lentitude, da parsimonia, con consciencia real do paso do tempo. Exercicio ben sinxelo pero tan difícil de realizar na actual tolemia na que habitamos.

Non me desenganchéi de todo da miña responsabilidade en Vicepresidencia, mantiven sempre unha canle de conexión porque admito que se non caio en posesión da intranquilidade.
Recapitulando no paso dos días, rendín merecida homenaxe a Alexandre Bóveda o 17 de agosto e o 26 arrancamos o curso político coa festa-mitin celebrada na vila alaricana.
Así que teño sobradas enerxías para meterme diante do que sexa.

Non esquezo que teño emails vosos por respostar pero dádeme un tempo, como din os ingleses ?give me a break?. Vexo que vos animástedes moito co tema do himno e as galescolas. Polémicas aparte, vai na miña esencia nacionalista a defensa da lingua, forma parte da torada. As galescolas son un proxecto educativo, como tal, deben contribuir á apreciación do propio como o mellor método para apreciar tamén o alleo. Non digo nada novo ao lembrar que, desgraciadamente, padecemos na Galiza o problema contrario ao que se fai ver. Está por facer a normalización da nosa lingua, temos sobre nós un grave problema de desnivel lingüístico. Sobran estudos por todas partes que o testemuñan, que poñen de manifesto a necesidade que o galego ten de cariño, de protección, de posta en valor. É moi simple, consiste en non infravalorar o que é noso, consiste en exhibilo con orgullo porque temos a grande sorte de contar con lingua própia. Non podo renunciar á miña responsabilidade de triplicar os esforzos para que a situación do galego mellore, e as galescolas forman parte dos elementos a empregar para avanzar na normalización lingüística.





Con amigos e amigas do BNg

Luns, 25 de xuño

O sábado vínme co noso mundo municipal ao completo. Foi un acto desprovisto de toda carga de solemnidade, o que non quer dicer que se tratara dun encontro superficial nen banal. Era unha reunión de amigos e amigas con gañas de atoparnos unha vez superada unha fatigante campaña eleitoral e despois da tensión post-pactos e post-acordo marco. Notábase no ambiente que estabamos de bon rollo, ombreiros baixados e descansados, síntoma de absoluta relaxación.

Pero tamén falamos das cousas ?do querer?. Superámonos con creces, temos máis poder local, imos co-gobernar en case cen concellos. E por suposto, non somos dos que ostentamos poder simplemente porque fai bonito e dá prestixio. Utilizarémolo para construir un país con altas cotas de benestar, para mellorar a calidade de vida da sociedade galega pobo a pobo. Sen perder tempo porque catro anos pasan nun abrir e pechar de ollos. Percibín ansiedade en moitos dos nosos edís, alcaldes e alcaldesas por levar a efecto todos os proxectos sempre falados no BNG. Mans que se retorcen cavilando en todo o que hai que facer.

De todos os xeitos, o que me resultou especialmente gratificante, que me proporcionou unha enorme ledicia foi o relevente incremento que experimentamos en número de concelleiras e nada máis e nada menos que cinco alcaldesas. Vai in crescendo a feminización da política, a feminización dos concellos cunha importante participación da muller que boa falta fai. O outro 50% da poboación ten que estar presente en igualdade de condicións, temos que decidir e traballar en masculino e en femenino a partes iguais porque nos complementamos, aportamos unha visión e unha perspectiva do que facer distinta e necesaria.





Ponte aérea Madrid-Santiago

Martes, 19 de Xuño

Ultimamente parece que non hai semán que non vaia pola capital madrileña. Hoxe repito e coa boa sorte de liberarme dos rigores do verán porque mirando cara arriba aínda non hai atisbo dos trinta graos típicos deste mes en Madrid. Non son de sol candente aínda que viva en terra ourensana que non se caracteriza precisamente por un clima xélido.
En fin, Madrid de novo. Acudín á Comisión Mixta de transferencias Galiza-Estado. Asinamos dúas novas transferencias, o Goberno galego asumirá a capacidade de expedir os títulos de xestor administrativo e por fin, o Ministerio de Defensa traspasa á Xunta o colexio Juan de Lángara de Ferrol. Xa era hora. Como vedes hai que continuar collendo o maletín e viaxar á capital do Estado para sonsacar competencias que hai tempo que deberían estar en máns galegas.
E iso que segundo afirman algúns estamos no Estado ?máis descentralizado?. Pois hai unhas cantas competencias por asumir e que aínda o Goberno central conserva con sete chaves no seu ámbito domiciliario. Por mencionar dúas, temos pendientes competencias de envergadura como a de salvamento marítimo ou a de tráfico. Así que haberá que seguer coa ?ponte aérea? Madrid-Santiago a ver se pouco a pouco imos acaparando tarefas que irracionalmente permanecen no seo da Administración central.

Tomade nota, 29 alcaldes e alcaldesas nacionalistas asumiron os gobernos municipais o pasado sábado. Non esta nada mal para ir construindo un futuro con miras de pais volcado en si mesmo, preocupado polos seus propios e lexítimos intereses, mirando desde dentro e para dentro, varrendo para casa.

Finalizo cun tema espinoso. Certametne, o Celta descende sen máis remedio á Segunda pero cumpriu con moita dignidade o outro día. Gañou, máis non foi posíbel a salvación. Había que confiar demasiado ao inestábel e traicionero factor sorte.




arquivos anteriores   05/2005  06/2005  07/2005  05/2007  06/2007  09/2007  10/2007  11/2007  12/2007  




bng
galizanova
fundación galiza sempre
festigal